Cultura distribuirá libros nas salas de espera dos centros de saúde para achegar á lectura aos cativos

Actualizado: viernes, 26 mayo 2006 22:09

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 May. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Cultura e Deporte fará das esperas nos centros de saúde un tempo para poder achegarse á lectura coa distribución de libros de diverso tipo, sobre todo nos servizos de pediatría en 11 vilas galegas, no marco da iniciativa dirixida especialmente aos cativos e cativas 'Lendo espero'.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou hoxe a iniciativa en Ames (A Coruña), que será, xunto con Cambre, a primeira das localidades.

Ademais de nestas dúas vilas, 'Lendo espero' desenvolverase nos centros de saúde de Oleiros, Ames, Ribadeo, Monforte, Allariz, O Carballiño, O Barco, Vilagarcía, Baiona, Tui e Moaña. Posteriormente, estudiarase a posibilidade de ampliar o programa a outros lugares.

Nas salas de espera de pediatría xúntanse cada día gran cantidade de pais e nenos que se ven obrigados a compartir momentos de agarda. Así, Cultura pretende converter ese tempo nunha oportunidade para achegarse a lectura.

Os centros de saúde, segundo Cultura, poden ser lugares tan axeitados como a casa, o colexio ou a biblioteca para compartir unha lectura breve. Ademais de facer máis levadeira a espera, esta iniciativa permitirá introducir os libros na vida dos nenos e nenas como forma de entretemento.

Por outra banda, búscase aproveitar o encontro de pais e fillos para ler e demostrarlles aos pais a importancia da lectura como unha forma de distracción e a riqueza que encerra.

Nas salas de espera dos servizos de pediatría porase un punto de lectura, con libros e información sobre as condicións de uso. Os usuarios poderán coller os libros libremente, que estarán dirixidos, principalmente, a idades novas e conterán abondosas imaxes. Para o mantemento cotiá e a actualización dos fondos, a consellería contará coa colaboración das bibliotecas municipais.