A Deputación de Pontevedra prevé converter o polígono industrial de Barro-Meis nun complexo loxístico do Sur de Galicia

Actualizado: martes, 31 enero 2006 20:35

PONTEVEDRA 31, (EUROPA PRESS)

A Deputación de Pontevedra prevé converter o polígono industrial de Barro-Meis nun Complexo Medioambiental e no Centro Industrial e Loxístico do Sur de Galicia a través do proxecto Eco-Logistic, cofinanciado con fondos europeos e dotado con un presuposto de 4,1 millóns de euros,

Nun comunicado, este organismo sinalou que tamén permitirá implantar nesa plataforma loxística unha área especializada e dedicada á Loxística Inversa. A execución do proxecto é de 29 meses, co que se estima a súa finalización para o ano 2007.

Así figura nos obxectivos do proxecto, aprobado polo Interreg III-A o pasado 15 de decembro, do que a institución provincial está reformulando estes días os compromisos e as partidas por parte dos socios para asinar o definitivo acordo entre o xefe de fila e a autoridade de Xestión.

As partes implicadas nesta iniciativa son o Concello de Cambados e maila Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira como socios, a Deputación de Pontevedra como dirixente do proxecto e a dirección xeral de fondos comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda, que encabeza a xestión.

As Plataformas Loxísticas Inversas de Pontevedra e Vilanova da Cerveira constituiranse como un Complexo Medioambiental onde se levará a cabo a reciclaxe tanto dos productos rexeitados polo mercado e recollidos polos operadores loxísticos que se establecerán nos seus polígonos, como dos residuos sólidos urbáns xenerados nas áreas de intervención.

O documento final do proxecto establece seis obxectivos finais: o desenvolvemento de solo industrial asociado á Plataforma Loxística, dotar a zona afectada de varios centros loxísticos, implantar unha Plataforma Loxística Inversa preparada para prestar servicios comúns de recuperación e reciclaxe de residuos dos polígonos industriais e empresas ós operadores especializados implantados na zona e concentrar os fluxos de tráfico da Eurorrexión.

Tamén se lle dá prioridade á mellora da recollida e xestión de residuos sólidos urbáns da actual ecoplanta de Ribadumia e a reubicación das empresas da Eurorrexión interesadas no desenvolvemento da loxística inversa nunha oferta de solo especializada; dende a Deputación de Pontevedra considera que deste xeito se sentan as bases para desenvolver un Eco-Parque onde se consigan sinerxias e economías de escala que aumenten a competitividade.

As actividades previstas para desenvolver o proxecto están na fase de xestión e coordinación do plan, de cara a pór en marcha un órgano transfronteirizo. A continuación virá a fase de desenvolvemento de toda a obra pública e dotación de equipamentos precisos para a posta en marcha da Plataforma Loxística Inversa en Barro-Meis e para crear os almacéns intermedios dela. Un terceiro paso será dotar dun sistema información xeográfico para a Plataforma e, finalmente, a súa promoción e difusión.