A Deputación de Pontevedra saca a concurso por 55.000 euros o traslado das obras que van a participar na bienal

Actualizado: miércoles, 14 junio 2006 22:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Deputación de Pontevedra comezou hoxe, coa publicación no Boletín Oficial da Provincia, os últimos trámites para a posta en marcha da 29 edición da Bienal de Pontevedra, que comezará o vindeiro 13 de xullo e que terá como tema central a emigración. O traslado das obras ten unha importancia especial xa que inclúe o embalaxe e transporte das obras e materiais dende os lugares de orixe, tanto España, Arxentina como Chile ata a cidade de Pontevedra, e a súa posterior devolución.

A propia Deputación informou nun comunicado de que o prazo para que as empresas presenten as ofertas comezará mañá e durará oito días, é dicir, ata o vindeiro día 22 de xuño. Durante este tempo, os interesados deberán presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral entre as 9:00 e as 13:00 horas, nas que deben incluir a proposta económica e outra documentación xeral solicitada.

Nas condicións da contratación do servizo a Deputación de Pontevedra establece un tipo de licitación de 55.000 euros e engade que as obras da Bienal deberán estar en Pontevedra, de forma improrrogable, o 3 de xullo e no caso do retorno esta previsto para a segunda semana de setembro.

O 13 de xullo comezará a 29 edición da Bienal de Pontevedra que este ano ten como eixo central o tema da emigración. Por iso, 'Off/Fóra. Movementos imaxinarios entre Galicia e o Cono Sur' contará coa participación de case trinta artistas procedentes de Arxentina, Chile, Uruguai e Galicia.

Coas obras destes artistas, que estarán expostas ata o 3 de setembro no Pazo da Cultura, na Facultade de Belas Artes e no Instituto Valle-Inclán, a Bienal quere explorar na emigración como fenómeno global, sociolóxico, histórico, cultural e psicolóxico, na produción destes artistas e contemplar ós catro países como representantes dos problemas do ser contemporáneo nun mercado trasnacional, que ten como protagonista ó migrante.