Educación aporta 36.000 euros para premiar o labor do profesorado en innovación e investigación sobre a práctica docente

Actualizado: domingo, 4 junio 2006 15:43

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá 36.000 euros nos premios á innovación e investigación educativa sobre a práctica docente dirixidos ao profesorado de centros de ensino sostidos con fondos públicos.

A Administración educativa recoñece así as experiencias educativas que supoñan innovacións metodolóxicas e didácticas sobre calquera área e sobre a organización dos centros docentes e aqueles materiais educativos multimedia e interactivos en contorno web e ferramentas de autor que permitan a creación de materiais curriculares neste contorno.

Os galardóns se estruturan, en cada unha das modalidades, nun primeiro premio de 3.000 euros; dous segundos premios de 1.500 euros; e dez terceiros de 1.000 euros. A Administración educativa recoñece especialmente os materiais multimedia dirixidos á atención do alumnado con necesidades educativas específicas de apoio educativo con dous premios dotados con 2.000 euros cada un.

Os premios están dirixidos ao profesorado que desenvolvese as experiencias que optan aos galardóns no presente curso 2005-2006 en centros educativos sostidos con fondos públicos. Estes docentes terán ata o 30 de setembro para presentar as súas solicitudes, que deberán estar dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

A eficacia da educación depende, en gran medida, da renovación do profesorado e do sistema educativo adecuándose ás novas demandas sociais, ás circunstancias sempre cambiantes do alumnado, aos novos coñecementos científicos e didácticos e aos correspondentes métodos e instrumentos utilizados que potencien o achegamento do sistema educativo á realidade social.

A innovación e a investigación sobre a práctica docente é unha das canles de perfeccionamento do profesorado e de mellora da práctica educativa. Neste marco faise necesario, segundo Educación, impulsar a innovación educativa e recoñecer o traballo realizado polo profesorado que, individual ou colectivamente, está a levar adiante prácticas educativas innovadoras.

Deste xeito, estes galardóns pretenden incentivar ao profesorado de cara a fomentar o desenvolvemento de experiencias innovadoras e materiais educativos que supoñan a utilización de ferramentas propias da sociedade da información na práctica educativa.