Educación colaborará coa Rede de Escolas Asociadas á Unesco nun proxecto educativo intercultural

Actualizado: lunes, 16 enero 2006 19:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborará coa Rede de Escolas Asociaciadas á Unesco nun proxecto educativo intercultural que ten como obxectivo a recuperación da emigración a través das familias que están a chegar ao IES Luis Seoane de Pontevedra procedentes de Arxentina e de Cuba.

Así o acordaron hoxe nun encontro a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e a coordinadora galega da Rede de Escolas asociadas á Unesco, Luisa Márquez, que lle presentou á responsable educativa galega o citado proxecto que se vai desenvolver no IES Luis Seoane de Pontevedra.

Así, a coordinadora galega da Rede de Escolas asociadas á Unesco manifestou a súa satisfacción porque "a entrevista foi moi positiva" e o proxecto 'Camiños de ida e volta' "recibiu o apoio unánime da consellería".

Esta iniciativa tamén vai contar coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración para que, segundo sinalou Luisa Márquez, "os alumnos dun e doutro lado do Atlántico se poidan atopar".

O programa 'Camiños de ida e volta' porase en marcha o vindeiro 26 de xaneiro, cando se iniciará a elaboración de materiais, o contacto directo coas escolas da diáspora e mailos intercambios, pero este proxecto "ten xa un traballo previamente feito coas familias dos nosos estudantes do curso pasado", segundo sinalou Luisa Márquez.