Educación convoca 94 prazas destinadas a docentes de FP específica para que completen a súa formación en empresas

Actualizado: lunes, 10 abril 2006 20:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, un total de 94 prazas destinadas a docentes de Formación Profesional (FP) específica para que completen a súa formación nas 60 empresas e entidades radicadas en Galicia que están a participar nun programa educativo que pretende contribuír á formación do profesorado mediante estadías nas firmas e institucións.

Ademais das firmas que colaboran coa Administración, as outras dúas modalidades para realizar esta formación son en empresas cun mínimo de cinco traballadores e nun máximo de tres empresas e institucións. Nestes dous últimos casos, o profesorado concertará coas empresas o contido e a duración das estadías.

Os docentes que desexen optar a esta modalidade de formación do profesorado deberán pertencer a algunha das especialidades do profesorado para impartir módulos de formación profesional específica. Ademais, tiveron que impartir clases nos cursos 2004-2005 e no 2005-2006 nalgún dos centros dependentes da Consellería de Educación.

A Administración educativa oferta en total 60 prazas entre as empresas ou institucións que participan neste programa. Ademais, 24 prazas destinaranse ao profesorado que participe en estadías en empresas ou entidades cun mínimo de cinco traballadores, e as restantes 10 a estadías formativas en varias empresas ou institucións.

Os docentes interesados realizarán esta formación no período que vai desde o 1 de xullo ata o 22 de setembro deste ano. A duración das mesmas será dun mes para os que se formen nas empresas que participan neste programa --a excepción de IZAR, en Ferrol, que será de 15 días-- e de entre dúas semanas e un mes e medio para as restantes modalidades.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir de mañá martes, 11 de abril. Os impresos deberán dirixirse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo a orde de convocatoria, unha comisión será a encargada de seleccionar aos candidatos. Neste proceso de selección terase en conta o proxecto de estadía, os méritos docentes, as actividades de formación permanente do profesorado realizadas polo profeso, e as publicacións ou investigacións sobre a materia ou especialidade das ensinanzas.