Educación convoca por primeira vez 60 premios de excelencia académica para alumnos que inicien estudos universitarios

Actualizado: martes, 18 julio 2006 21:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca por primeira vez, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, 60 premios de excelencia académica para os alumnos que inicien por primeira vez a súa traxectoria nas universidades galegas no curso académico 2006-2007, para o que investirá 180.000 euros.

Poderán optar a esta axuda os alumnos de 2º de Bacharelato que remataran os seus estudos no curso 2005-2006; os de ciclos formativos de grao superior que inicien por primeira vez estudos universitarios; os maiores de 25 anos que accedan á universidade por primeira vez a través das correspondentes probas de acceso; así como aqueles alumnos que en posesión da titulación necesaria, deixaran transcorrer o último curso sen comezar estudos, debido a unha causa que llo impedira. Os interesados deberán acreditar unha puntuación no seu expediente académico igual ou superior a 9,30 puntos.

Un total de 50 premios destinaranse a aqueles alumnos que realizaron os seus estudos non universitarios en centros da Comunidade Autónoma galega e teñen a súa residencia en Galicia, mentres que os 10 restantes serán para aqueles que teñan estudado en centros de fóra da comunidade.

A dotación de cada premio ascende a 3.000 euros. A documentación a presentar e os prazos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia. Tamén será posible acceder aos contidos da orde no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.edu.xunta.es. O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais contados a partir de mañá mércores.

A finalidade da convocatoria é que o alumnado inicie e prosiga a súa formación no sistema universitario galego, desenvolvendo ao máximo o seu potencial intelectual e adquirindo coñecementos que redunden no progreso de Galicia.

A consellería promove accións de apoio económico ao alumnado universitario, co fin de favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia do rendemento académico. A través destas actuacións poténcianse a mobilidade a países comunitarios e extracomunitarios, así como a formación en tarefas de investigación.

Ademais prémianse aos mellores estudantes universitarios recén titulados. Con esta convocatoria, asemade a Consellería estende este tipo de axudas ao alumnado non universitario que está a piques de iniciar a súa formación no sistema universitario galego.