Educación inaugura o novo instituto de Secundaria de Cariño (A Coruña) no que se investiron máis de 3,6 millóns

Actualizado: viernes, 20 enero 2006 21:09

Conta con máis de 4.000 metros cadrados distribuidos en tres plantas e dispón dun ximnasio e unha pista polideportiva

CARIÑO (A CORUÑA), 20 Ene. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, inaugurou hoxe o novo Instituto de Educación Secundaria Cabo Ortegal de Cariño (A Coruña), no que se investiron un total de 3.601.927,02 euros.

Así, cúmprese o recollido no protocolo de colaboración asinado en 2002 entre o Ministerio de Medio Ambiente, a Administración educativa e o Concello de Cariño para levar a cabo as actuacións necesarias para a recuperación ambiental dos terreos nos que se ubicaba o anterior IES. O acordo supoñía tamén o compromiso das partes para dotar ao municipio coruñés dun novo IES que substituíse ao anterior.

Ao acto tamén asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; o secretario xeral da Consellería de Educación, Benito Fernández; o delegado de Educación en A Coruña, Pedro Armas; e o alcalde de Cariño, José Luis Armada.

Durante a súa intervención, a conselleira de Educación fixo referencia á colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta e o Goberno local, ao tempo que sinalou que cando existe o diálogo entre as distintas administracións, "os froitos non tardan en chegar". Ademais, apostou porque estas instalacións se convertan no centro neurálxico da actividade cultural e deportiva da vila, na que participen todos os veciños.

Laura Sánchez Piñón aludíu tamén ás novas dotacións do centro, e amosou o seu desexo de que a biblioteca se converta nun lugar que facilite "a potenciación da lectura no alumnado". Neste sentido, lembrou que a consellería ten en marcha varias iniciativas para revitalizar estes espazos educativos.

DISTRIBUCIÓN

O novo IES Cabo Ortegal conta cunha superficie construída de 4.034,05 metros cadrados e deseñouse en torno a un espazo central no que se integran todas as comunicacións. Está estruturado en tres plantas; a primeira está destinada a zona administrativa, con despachos para o director, xefe de estudos, secretario, APAS, orientación, monitor, e conserxería. Ademais, neste andar tamén se ubican a cafetería, o almacén, a biblioteca, a sala de profesores e a aula taller de tecnoloxía de ESO.

Ademais, no mesmo primeiro andar tamén catro aulas de informática; oito de ESO; unha aula de plástica visual e outra de debuxo de bacharelato; mentres que na segunda planta están catro aulas polivalentes de bacharelato; tres laboratorios; unha aula de música, drama e audio; o taller de informática e 10 seminarios.

As novas instalacións educativas de Cariño contan tamén cun ximnasio, conectado co edifico principal onde se atopan os vestiarios, e unha pista polideportiva. Do investimento realizado 2.163.646,95 euros foron achegados polo Ministerio de Medio Ambiente, e os restantes 1.438.280,07 euros pola Consellería de Educación. Do total investido, 58.900 euros investíronse na redacción do proxecto; 3.245.663,37 euros na execución da obra; e 297.363,65 euros na dotación do equipamento.

No presente curso están a realizar estudos de ESO, Bacharelato, ciclos formativos e un programa de garantía social, un total de 232 alumnos distribuídas en 16 unidades.