Educación publica o boletín 'Lendo en abril 2006' para promover a lectura e dinamizar as bibliotecas escolares

Actualizado: jueves, 13 abril 2006 15:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación distribúe ao longo deeste mes nos centros docentes a revista 'Lendo en Abril 2006' co obxectivo de incentivar a lectura, co gallo do Día Internacional do Libro Infantil que se celebra o 2 de abril e do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, que ten lugar o 23.

Dirixida ao profesorado, a publicación pretende ser unha ferramenta para os docentes responsables da xestión, organización e dinamización das bibliotecas escolares. Así, editada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, 'Lendo en Abril 2006' aspira a dar a coñecer pautas e orientacións para dinamizar as bibliotecas escolares.

Así, neste número propóñense distintas actividades aplicables a diversas temáticas e contextos educativos diferentes, ademais de recoller noticias relacionadas co libro e a lectura e as iniciativas da Consellería de Educación para impulsar as bibliotecas, coma as tarefas de asesoramento e a celebración de xornadas e seminarios.

Neste sentido, a reportaxe Tecendo a rede das bibliotecas escolares galegas recolle as accións da Administración educativa para converter as bibliotecas escolares en centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe.

Ademais, 'Lendo en Abril 2006' faise eco das xornadas sobre bibliotecas escolares que tiveron lugar en outubro de 2005, nas que participaron 350 docentes de toda Galicia, e anuncia a celebración do I Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia, que terá lugar o 10 e o 11 de novembro de 2006.

Finalmente, 'Lendo en Abril 2006' rende homenaxe a María Victoria Moreno, á que cualifica como pioneira da literatura infantil, e ofrece pautas orientativas para homenaxear á autora. Entre estas accións está a exposición das súas obras, a documentación sobre a autora a través dos fondos bibliográficos da biblioteca e a través de Internet, ou pasar algunhas das súas obras a cómic.