Emprego e malos tratos centran as consultas que atende o 'Bus Violeta', que mañá continuará en Pontevedra

Actualizado: martes, 7 marzo 2006 21:40

PONTEVEDRA, 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

O 'Bus Violeta', iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural que durante todo o mes de marzo percorre diversas cidades e vilas galegas, atende maioritariamente consultas relacionadas co emprego e os malos tratos. O 'Bus Violeta', que mañá cumprirá o seu segundo día instalado en Pontevedra, recibirá a visita do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e da secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán.

O 'Bus Violeta' comezou o seu itinerario o pasado día 2 en Padrón e ata agora leva visitado as localidades de Vilagarcía, Moaña, Vigo e Pontevedra. O percorrido finalizará o día 28 en A Coruña, logo de ter pasado por 25 municipios. Segundo os responsables de atención ao público, a demanda de información por parte da cidadanía é "moi elevada".

Cuestións de índole laboral son as máis consultadas nas grandes cidades, mentres que nas pequenas vilas se realizan moitas consultas relacionadas coa violencia de xénero. Entre os demandantes de información figuran moitos profesionais da docencia, traballadores sociais e educadores de centros de menores. O 'Bus Violeta' proporciónalles libros de consulta sobre educación, material relacionado coa loita contra os malos tratos, lexislación en materia social e laboral, así como guías de recursos.

O percorrido do 'Bus Violeta' complétase coa celebración de actividades paralelas, como conferencias, espectáculos teatrais e musicais, pasarrúas e proxeccións audiovisuais.