A Escola de Altos Estudos Musicais convoca audicións paraseleccionar a 30 alumnos para a promoción 2006-2008

Actualizado: miércoles, 12 abril 2006 20:01

As solicitudes para particiar nalgunha das probas das 12 especialidades do centro poden presentarse ata o vindeiro luns

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) mantén aberto até o próximo luns, día 17 de abril, o prazo de recepción de solicitudes para participar nas audicións para a selección dos alumnos que integrarán a promoción 2006-2008 desde centro para a formación musical que xestiona a Consellería de Cultura e Deporte a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).

Segundo lembrou hoxe o IGAEM, estas solicitudes deben presentarse no rexistro do instituto xunto coa documentación que se especifica na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 21 de febreiro.

As audicións celebraranse os días 6 e 7 de maio na sede da Escola en Santiago de Compostela para o total de 12 especialidades musicais que se imparten no centro: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón e percusión.

A EAEM mantén un mínimo de 30 prazas de alumnos activos, para as que teñen preferencia aqueles músicos galegos ou residentes en Galicia, menores de 25 anos, que estean en posesión do título de Grao Superior de Conservatorio e os que, a xuízo do tribunal, acrediten un nivel suficiente no dominio instrumental. Neste sentido, as bases da convocatoria recollen as pezas propostas polo centro para cada un dos instrumentos.

Tralas audicións, confeccionarase unha lista por especialidades co obxectivo de cubrir as prazas dispoñibles en función das posibilidades e necesidades da Escola, que cada ano mantén un mínimo de 30 alumnos activos. Os estudantes seleccionados como activos terán dereito a recibir de xeito gratuíto clases individuais, de música de cámara, depráctica orquestral, clases teóricas, maxistrais e cursiños a cargo do profesorado estable ou convidado do centro.

BOLSAS E PRAZAS COMO OÍNTES

Ademais, concederanse bolsas de axuda para sufragar gastos de desprazamento, mantenza e aloxamento derivados da permanencia na Escola a aqueles alumnos que xustifiquen a súa necesidade de acordo cos criterios de adxudicación que se especifican nas bases.

A Escola elaborará tamén unha lista de espera conformada por aqueles músicos que, sen ter obtido praza como alumnos activos, demostren un bo nivel nas audicións. Os integrantes desta lista poden ser chamados para cubrir posibles vacantes, ademais de estar convidados a participar como alumnos oíntes en todas as actividades organizadaspolo centro, que deste xeito amplía o seu labor educativo.

A graduación na EAEM supón a superación de dous cursos lectivos, prorrogables a tres de xeito excepcional. Durante este período, os estudantes asisten a clases individuais, de música de cámara, teóricas e prácticas orquestrais, ademais de participar en diferentes encontros a cargo de profesionais de prestixio. O programa formativo contempla igualmente a celebración de diferentes concertos públicos protagonizados polos alumnos, ben como intérpretes solistas, ben en conxuntos de cámara ou como integrantes da Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais.