Escritores de literatura infantil en galego piden "máis atención" aos premios 'White Ravens' para promocionar a cultura

Actualizado: martes, 6 junio 2006 21:28

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Feira do Libro de Madrid acolleu hoxe a presentación das catro obras da literatura infantil galega incluídas en 'White Ravens', que premia os mellores libros infantís e xuvenís pola súa calidade artística, literaria e de deseño, nun acto presentado por Fina Casalderrey, Andrés Meixide e Xosé Antón Neira Cruz.

Este último salientou que, en dúas décadas, os escritores galegos teñan sido mencionados no White Ravens ata en dez ocasións, mentres que o ilustrador Andrés Meixide e a escritora Fina Casalderrey reclamaron "máis atención" para estes galardóns, xa que, pola súa importancia e sona internacional, poden ser un excelente vehículo de promoción da nosa cultura.

Concedidos anualmente pola Internationale Jugendbibliothek, a Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, Alemaña, na presente edición 2006 para os 'White Ravens' foron seleccionados catro títulos da literatura galega, "o meirande número acadado ata agora nun mesmo ano" engadiu Neira Cruz.

Trátase de 'Conto para non comer", de Oli con ilustracións de Andrés Meixide e publicada por Galaxia, un relato humorístico con formato de conto tradicional para primeiros lectores; 'Quen me quere adoptar', de Fina Casalderrey, ilustrada por María Fe Quesada e editada por Xerais, que fala sobre as relacións entre os nenos e a xente maior e os novos modelos de familia na actualidade.

'A cousa que máis doe do mundo', relato adaptado da tradición oral de Costa de Marfil por Paco Liván, ilustracións de Roger Olmos e publicado por Oqo Editora, fondamente simbólico con humor, ternura e discursos filosóficos de doada comprensión para os lectores máis pequenos; e 'Nun lugar chamado Labirinto', escrito por Ánxela Gracián, con ilustracións de Ramón Trigo e editada por Tambre-Edelvives, unha aventura na que unha nena de sete anos se inicia nos sentimentos de afecto e de perda dun ser querido.

IMPORTANCIA DA DISTINCIÓN

Según Neira Cruz, esta distinción cobra "moita importancia en determinados países", xa que a Biblioteca da Xuventude de Munich concede a súa distinción a obras que considera que deben ser traducidas a outros idiomas, para que poidan trascender a outras culturas. Así, autores galegos con obras incluidas nesta listaxe son Xosé Luís Méndez Ferrín, Ana María Fernández, Helena Villar Janeiro (en dúas ocasións) e Fina Casalderrey (igualmente con dúas mencións), entre outros.

Pola súa banda, Andrés Meixide representou o colectivo dos ilustradores en Galicia, constituídos formalmente na Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), e valorou o momento actual "pola posibilidade que hai agora de xuntanza e compartir experiencias profesionais". Mentres, Fina Casalderrey reclamou un espazo permanente na Feira porque "tódalas linguas e as literaturas caben na Feira de Madrid, porque as linguas e as literaturas nunca crean fronteiras, senón que as abren".

Os 'White Ravens' deron cabida en 1985 por primeira vez a autores galegos a través dun volume colectivo, 'Contos para nenos', onde estaban presentes relatos de escritores como Pura e Dora Vázquez e Paco Martín, autor que foi incluido neste catálogo en dúas ocasións máis por títulos individuais. Desde entón, a presenza de escritores da nosa literatura é unha constante.

Na presente edición a colección abrangue 250 títulos escritos en 32 idiomas e procedentes de 47 países de todo o mundo. Estes libros quedan en depósito na Biblioteca da Xuventude, a máis importante do mundo neste eido, que conta cunha colección de medio millón de exemplares de libros para nenos e mozos en máis de 130 idiomas, entre eles, 80.000 volumes históricos, publicados entre 1574 e 1950.