A Fábrica de Oleiros (A Coruña) acolle mañá a exposición "Jazz: diálogo entre culturas"

Actualizado: miércoles, 11 enero 2006 19:38

A CORUÑA, 11 Ene. (EUROPA PRESS) -

O deputado responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Celestino Poza, inaugurará mañá xoves, día 12, ás 20.30 horas, no Centro Cultural "A Fábrica" de Perillo, en Oleiros (A Coruña) a exposición "Jazz: diálogo entre culturas".

A mostra está organizada pola institución provincial e unha vez rematado o acto terá lugar un breve concerto de jazz a cargo da formación Pablo Seoane Trío.

Esta exposición é a continuación de "Historia da música jazz" que a Deputación da Coruña promoveu en anos anteriores, repasando a historia deste xénero musical dende o seu nacemento ata as grandes figuras do jazz dos anos 60.

Nesta ocasión realizase un repaso ó panorama do jazz máis actual. O argumento expositivo desenvolvese a través de catro grandes bloques estilísticos: Free Jazz, Neoclasicismo, Jazz Fusión e Jazz Étnico desde a década dos sesenta aos noventa.

A mostra, de carácter itinerante, recorrerá tamén nos vindeiros meses os concellos de A Baña, A Laracha, Ames, Coirós, Miño, Mugardos, Negreira, Sada e Toques.