A Facultade de Humanidades de Lugo acolle dende mañá o I Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galicia

Actualizado: lunes, 29 mayo 2006 21:51

O foro pretende servir de base para todas as iniciativas nos ámbitos da investigación, produción e comercialización

LUGO, 29 May. (EUROPA PRESS) -

O I Congreso sobre Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galicia 'Agromamos. Unha nova xeira para o rural e a alimentación', organizado pola Universidade de Santiago (USC) e a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), celebrarase na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo dende mañá martes 30 ata o xoves 1 de xuño.

Ao acto inaugural, que terá lugar ás 9.30 horas no salón de actos do centro, está prevista a asistencia do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; da directora Xeral de Calidade Agroalimentaria do Ministerio de Agricultura, Almudena Rodríguez; do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; do alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; do presidente do comité organizador, Xavier Simón; e do presidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, José Luis Porcuna.

A Agroecoloxía xurde como un novo campo de coñecemento que sintetiza e aplica os coñecementos agrosilvopastorais, pero tamén outras ciencias afíns desde unha óptica holística e sistémica no deseño de sistemas sustentables de produción de alimentos.

O foro pretende servir de base para todas as iniciativas nos ámbitos da investigación, produción e comercialización en Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica. Ademais, a partir del trataranse de elaborar as liñas mestras dun Plan Estratéxico para a Agricultura Ecoloxía en Galicia e construír unha plataforma estable de defensa, promoción e difusión da Agroecoloxía.

O catedrático de Agroecoloxía da Universidade de California, Miguel A. Altieri, será o encargado de abrir a quenda de relatorios este martes as 10.00 horas tras o acto inaugural, coa conferencia titulada 'Agroecoloxía, bases e potencialidades para o desenvolvemento rural'. Ao seu remate o presidente da Fundación Galicia Verde, Henrique Banet, disertará sobre a paisaxe e valores ambientais, a seguridade e a saúde alimentaria.

PROGRAMA

A sesión da tarde comezará a partir das 16.00 horas co relatorio 'Aldeas, aldeáns e desenvolvemento' a cargo da catedrática de socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Julia Varela. E, para rematar o día, o xerente de Xestión Agrogandeira e Natureza, Xan Pouliquen, explicará a elaboración, transformación, comercio e consumo de produtos da gandería ecoloxía.

O mércores 31 de maio a profesora de agroecoloxía da Universidade de California, Clara Nichols, abrirá a sesión deste día falando do papel da biodiversidade no deseño de sistemas agrarios sustentábeis. Despois deste relatorio o catedrático de botánica da USC, Antonio Rigueiro, e o investigador da Estación Experimental Zaidín-CSIC, José Luis González Rebollar, pronunciarán a conferencia 'Entre lusco e fusco: luces e sombras dunha nova enxeñaría rural'.

Posteriormente tomará a palabra o catedrático de Historia Contemporánea USC, Lourenzo Fernández Prieto, que disertará sobre políticas, agricultura orgánica e desenvolvemento rural.

A sesión da tarde comezará ás 16.00 horas coa mesa redonda 'A agricultura ecolóxica en Galicia. Situación e perspectivas de futuro. O seu rol para a sustentabilidade', moderada por José Luis Porcuna da SEAE. A última conferencia do día titulada 'Do atraso á modernización agraria. Outra Galicia é posible' correrá a cargo do catedrático de Economía Aplicada da USC, Xosé Manuel Beiras.

Despois darase lectura ás conclusións do congreso e terá lugar o acto de clausura. Para o xoves, día 1 de xuño, está programa unha visita de campo para recoñecer experiencias de agricultura ecolóxica en Galicia.