A Federación de Libreiros de Galicia distingue unha publicación da USC como a mellor de 2005 nos XV Premios Irmandade

Actualizado: lunes, 27 marzo 2006 21:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Federación de Libreiros de Galicia decidiu outorgar na XV edición dos Premios 'Irmandade do Libro' o galardón Mellor Libro do Ano 2005 a unha obra editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago (USC).

A publicación recoñecida coa distinción é Nova Enciclopedia de Bioética, tradución ao galego da Nouvelle Encyclopédie de Bioéthique, orixinariamente editada en lingua francesa en 2001 pola editorial belga De Boeck baixo a dirección de Gilbert Hottois e Jean-Noël Missa. Trátase ademais dunha obra non traducida a ningunha outra lingua do Estado.

A edición galega, publicada na colección 'Lingua Franca' de traducións de obras científicas de recoñecida proxección internacional, incorpora ademais unha introdución específica, un volume de casi 2.000 notas explicativas e os índices orixinas --entradas, nomes, siglas e temas-- revisados e ampliados. O director da tradución ao galego é o profesor de Filosofía Moral da Universidade de Santiago Luís G. Soto, que contou coa colaboración de Tareixa Roca e África López Souto.

Con case 300 entradas e unha completa colaboración internacional, esta obra constitúe un inestimable auxiliar de cultura, investigación e docencia para toda aquela persoa interesada en cuestións éticas suscitadas polo desenvolvemento tecnocientífico nos campos da biomedicina e a biotecnoloxía.

Os premios 'Irmandade do Libro' instituíronse hai 15 anos para recoñecer as mellores publicacións e iniciativas na promoción das obras literarias e a lectura en idioma galego.