A Fundación Alexandre Bóveda pretende crear unha cátedra en Vigo para estudar temas políticos e sociolóxicos

Actualizado: miércoles, 4 enero 2006 19:18

PONTEVEDRA, 4 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Alexandre Bóveda está negociando coa Universidade de Vigo a creación dunha cátedra que leve o nome deste dirixente galeguista. A misión deste "centro de estudos e documentación", como o definíu o vicepresidente desta entidade, Xosé Luis Bóveda, sería organizar cursos e seminarios centrados en temas políticos e sociolóxicos.

Este proxecto podería materializarse "antes de que remate o actual curso académico", segundo Xosé Luis Bóveda, coa axuda adicional da Consellería de Cultura e do Concello de Pontevedra, cos que a Fundación está en conversas. Esta organización tamén está interesada en que a Facultade de Economía da Universidade da Coruña lle poña o nome de Alexandre Bóveda a unha das súas aulas.

Co gallo do 70 aniversario do seu fusilamento, o 17 de agosto de 1936 en A Caeira (Poio), a Fundación organizará coma tódolos anos unha homenaxe a este galeguista que, nesta ocasión, podería contar "cunha representación institucional máis ampla".

En canto á proposta do BNG, a través do deputado Francisco Rodríguez, para solicitar no Congreso a anulación do xuízo que condenou a morte a Bóveda e a reparación da súa figura, o vicepresidente da Fundación que leva o nome do dirixente galeguista amosouse disposto a "aproximar esforzos" de cara ás iniciativas que se vaian levar a cabo no marco do 'Ano da Memoria'.

Así, Xosé Luis Bóveda considera que a proposta de Rodríguez é "algo cativa no senso de que non se fai a incisión necesaria en que Alexandre Böveda tamén é representante de tantos outros sometidos naquelas bárbaras épocas".

O vicepresidente da Fundación insta a "ampliar o concepto" das víctimas. "Aquela barbaridade ten que clarificarse dicindo que foi ilegal e inxusta e de forma que se repare a figura de homes e mulleres que sufriron a represión", engadiu o fillo de Alexandre Bóveda.