30 de noviembre de 2020
20 de abril de 2006

A Fundación Caixa Galicia comeza en Ferrol o ciclo 'Grandes noites de ópera'

FERROL, 20 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Caixa Galicia en Ferrol acollerá mañá a primeira proxección do ciclo 'Grandes noites de ópera', unha iniciativa que coa que a entidade cultural quere achegar ao gran público as mellores grabacións audoivisuais da historia da lírica.

Este ciclo propón unha viaxe arredor dos principais teatros e festivais de ópera do mundo para vivir, a través das imaxes preservadas en vídeo, varias inesquecíbeis funcións dos grandes títulos do repertorio lírico.

Dende unha obra fundacional, coma L*Orfeo de Monteverdi, ata a grande ópera española, La Dolores, o espectador poderá seguir representacións da máis alta calidade: as sinaladas pola crítica internacional como excepcionais, cos mellores cantantes e directores das tres últimas décadas.

Un ciclo que, de certo, servirá para achegarlles a ópera a aquelas persoas que queiran gozar por primeira vez de obras tan populares coma O barbeiro de Sevilla, La Bohème ou A frauta máxica nas mellores condicións técnicas.

O coordinador do ciclo, César Wonenburger (A Coruña, 1969), é licenciado en dereito e Máster en Medios de Comunicación pola Universidade da Coruña. Realizou estudos musicais no Conservatorio desta cidade. É crítico musical e cinematográfico de La Voz de Galicia. Foi xefe da sección de Cultura de Diario 16 e colaborador de ABC Cultural e das revistas Ritmo, Scherzo e Cavatina.

Foi coordinador de distintas programacions e ciclos musicais. É director artístico do Festival de Ópera da Coruña dende 2004 e director técnico do Máster en Estudos Teatrais e Cinematográficos da Universidade da Coruña.