A Fundación Caixa Galicia leva a Vilaboa a BUMBA, o novo proxecto de NARF e Timbila Muzimba

Actualizado: viernes, 23 junio 2006 20:59

PONTEVEDRA, 23 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Canteira do Monte das Lapas da localidade pontevedresa de Vilaboa acolerrá o vindeiro domingo, ás 22.00 horas, o espectáculo de BUMBA, o máis recente proxecto de colaboración dos galegos NARF (Fran Pérez con Pepe Sendón e Marcos Teira) cos mozambiqueños Timbila Muzimba.

BUMBA, un proxecto producido nesta ocasión pola Fundación Caixa Galicia e Nordesía, é unha confluencia entre as músicas destas dúas formacións, moi afastadas pola súa orixe e, pola contra, moi achegadas no seu obxectivo final de concebir unha música explosiva, fértil e viva.

A especial relación que o artista Fran Pérez, NARF nesta aventura, mantén co ámbito lusófono e con África, conduciuno irremediablemente a contactar con Timbila Muzimba.

Das súas primeiras experiencias con eles destacou sempre o respecto mutuo polo intercambio cultural xerado, a alegría que xurdía cando compoñían, cando creaban e os moitos puntos comúns que se descubrían entre dúas culturas supostamente tan diferentes.

Timbila Muzimba -a timbila é o instrumento tradicional da etnia malgache dos xopi, semellante a un xilofón ou unha txalaparta de madeira- é unha das formacións máis frescas e innovadoras da África actual.

A súa música convértese nunha mensaxe positiva de loita contra a pandemia da SIDA no seu continente ou contra as desigualdes sociais. Para eles, a timbila, malia a súa ancestralidade, constitúe unha revolución musical.

NARF, pola súa banda, é o proxecto dun músico experimentado e inquedo como é Fran Pérez, un inventor de cancións que goza poñendo música a letras propias e alleas. Tras participar en bandas vencelladas ao rock como Nicho Varullo ou Kinindiola, integrarse na NASA en Santiago e formar parte da inclasificable e marabillosa Psicofónica de Conxo, Fran Pérez recolle a imaxe que lle devolve o espello en forma de NARF.