A Fundación CEL propón a Educación unha experiencia piloto en centros de ensino para fomentar a cultura emprendedora

Actualizado: jueves, 2 marzo 2006 21:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estudia poñer en marcha unha experiencia piloto nos centros de ensino galegos que consistiría no desenvolvemento duns talleres destinados a fomentar a cultura emprendedora entre o alumnado de Formación Profesional da comunidade autónoma, segundo lle propuso hoxe a Fundación CEL-Iniciativas por Lugo.

Así o avanzou hoxe o presidente da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, Guillermo Sánchez Vilariño, tras manter unha xuntanza coa conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón.

O presidente da Fundación CEL explicou que esta iniciativa comprendería dous tipos de obradoiros; o primeiro deles abordaría "unha explicación xenérica do que é a creación de empresas", contando coa participación de mozos emprendedores "que xa saíron dos nosos viveiros, para que transmitan aos alumnos unha experiencia directa e práctica". No segundo, os alumnos que amosaran interese no tema agruparíanse en equipos de traballo e desenvolverían un plan de empresa.

Posteriormente, segundo indicou, se a partir deste proxecto xorden iniciativas empresariais, poderiase albergar durante un período máximo de catro anos aos emprendedores dentro dos viveiros que a Fundación posúe para a incubación de empresas.

Asemade, Sánchez Vilariño manifestou a súa satisfacción logo da xuntanza e sinalou que a Consellería de Educación vai estudar "firmemente" a proposta de colaboración no fomento da cultura emprendedora. Neste senso, dixo que "a conselleira manifestou interese no tema", e, por tanto, esperan poder preparar para este exercicio unha experiencia piloto.

Tamén indicou que este programa "xa está funcionando en Europa", e destacou o interese da mesma no camiño de "acadar un maior número de empregos". Así, sinalou que a fundación que preside considera que "o campo da Formación Profesional está chamado a integrarse no mundo laboral dunha forma importante".