A incubadora de empresas Uninova recibirá mañá en Santiago a Certificación de Calidade Aenor

Actualizado: domingo, 2 abril 2006 19:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Abr. (EUROPA PRESS) -

A incubadora de empresas promovida pola Universidade de Santiago (USC) Uninova recibirá mañá luns en Santiago a Certificación de Calidade de Aenor, que evidencia a conformidade do seu Sistema de Xestión de Calidade cos requisitos da norma.

O Salón Reitoral do Colexio de San Xerome acollerá ás 10.00 horas o acto de entrega a Uninova da Certificación de Calidade na norma UNE- EN ISO 9001:2000 e que a converte na primeira incubadora de España en acadar con éxito esta certificación.

Na entrega e presentación da certificación intervirán o reitor da USC, Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o director da Delegación en Galicia de AENOR, entidade certificadora, Martín Pita López.

Uninova é a incubadora de empresas promovida pola USC e o Concello de Santiago que promove, dentro do programa Uniemprenden da USC, o fomento da cultura emprendedora na comunidade universitaria e a creación de empresas. Coa obtención desta certificación concedéuselle así o Certificado internacional de Calidade IQ-NET --The International Certification Network--.