Letras Galegas.- A Universidade da Coruña celebrará diversos actos coa presencia do neto de Manuel Lugrís

Actualizado: viernes, 12 mayo 2006 21:09

A CORUÑA, 12 May. (EUROPA PRESS) -

A Universidade da Coruña sumarase á celebración do Día das Letras Galegas con actos abertos a todo o público nos campus da Coruña e de Ferrol. Na Coruña terán lugar o día 16 de maio, ás 20.00 horas, no paraninfo da reitoría, mentres que en Ferrol se levarán a cabo o 23 de maio, ás 19.00 horas, no salón de actos da Vicerreitoría.

En ambos os dous lugares o encargado da apertura será o reitor, José María Barja. Tras a súa intervención tomará a palabra Teresa López, profesora da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa, para presentar a publicación institucional.

A continuación, tanto na Coruña coma en Ferrol, se contará coa presenza de Manuel Lugrís Rodríguez, neto de Manuel Lugrís Freire, que ofrecerá a conferencia titulada "Unha visión persoal de Manuel Lugrís Freire".

A música centrará tamén as actividades. Así, no paraninfo poderase disfrutar dun concerto a cargo do grupo Nordestinas, no que se xuntan as voces galegas Guadi Galego e Ugia Pedreira co pianista Abe Rábade.

Guadi Galego é a voz do grupo Berrogüetto e participa como compositora e intérprete en traballos dos máis populares músicos de Galicia, como Uxía, Susana Seivane, Anubía, Lamatumbá, etc. Recentemente presentou un traballo en solitario: Espidos.

Tamén é nutrida a traxectoria de Ugia Pedreira, coñecida na música tradicional polos tres discos editados co grupo Chouteira. Na actualidade, o seu grupo habitual é Marful e fai constantes colaboracións con distintos artistas con variados estilos musicais.

Pola súa banda, o pianista Abe Rábade, tras comezar os seus estudos en Santiago de Compostela, remata unha licenciatura dobre cum laude en Jazz Composition e Piano Performance no Berklee College of Music (Boston, USA). Desde 1996 leva o Abe Rábade Trío.

No campus ferrolano, Guadi Galego, acompañada á guitarra por Guillerme Fernández, ofrecerán o concerto Espidos. A través da guitarra e da voz, estes dous compoñentes de Berrogüetto, interpretarán 12 cancións entre as que predominan os temas de autor e algunhas adaptacións tradicionais.