Letras Galicia.- O presidente do CCG pronuncia unha conferencia sobre Manuel Lugrís no Instituto Cervantes de Bruxelas

Actualizado: miércoles, 17 mayo 2006 22:20

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 May. (EUROPA PRESS) -

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, pronunciou hoxe unha conferencia no Instituto Cervantes de Bruxelas na que deu conta da figura do homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, Manuel Lugrís Freire, e da cultura galega.

No encontro, organizado conxuntamente coa Fundación Galicia Europa para celebrar o 17 de maio na capital belga, Villares destacou a vinculación de Lugrís con momentos fundamentais da historia galega máis recente, entre os que destacou o seu propio ano de nacemente, 1863, o mesmo no que Rosalía de Castro publicou 'Cantares Gallegos'.

Ademais, destacou a súa participación na creación do xornal 'Solidariedade Galega', nas Irmandades da Fala e no debate de aprobación do Estatuto para Galicia, ao tempo que reivindicou como na súa figura se conxugan "características propias" da cultura galega, coma a pegada da emigración e a formación académica en América, que logo revertería na vida cultural de Galicia.

Previamente, o presidente do Consello da Cultura Galega impartiu na sede da Fundación Galicia Europa un seminario destinado á formación de profesores flamencos de español, incluido no Ciclo de Conferencias que a Consellería de Educación da Embaixada de España en Bélxica organiza baixo o nome 'As Comunidades Autónomas Españolas' para formar aos profesores de lingua española.

Ramón Villares abordou na súa ponencia, titulada 'Galicia, unha cultura de Occidente', a unidade e diversidade do espazo galego, así como as formas de asentamento sobre o territorio característicos deste país. Outros puntos da súa exposición foron o celtismo, a romanización e cristianización, a invención do Apóstolo Santiago e a relación de Galicia coa cultura europea románica, a Galicia como Reino entre Castela e Portugal, o esplendor barroco e o papel dos pazos e dos mosteiros.