Manuel Dios representará á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación

Actualizado: miércoles, 11 enero 2006 22:14

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Ene. (EUROPA PRESS) -

O presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios, representará oficialmente á Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) que terá lugar en Caracas (Venezuela) o vindeiro 23 e 24 de xaneiro, así como no Consello Internacional que se celebrará --simultaneamente-- ó Foro Social Mundial (FSM), entre os días 24 e 29 do mesmo mes na capital venezolana.

A Fundación Cultura de Paz, que preside Federico Mayor Zaragoza, estará presente no Foro Social Mundial policéntrico que terá lugar en Bamako (Mali), en Karachi (India) e en Caracas (Venezuela). Así o acordou a Xunta Directiva e o Patronato da citada Fundación. En consecuencia, a representación da Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación e no seu Consello Internacional será asumida, a partir de agora, polo presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz.

O Foro Mundial de Educación naceu en Porto Alegre (Brasil), en xaneiro de 2001, con ocasión da celebración, naquela cidade, do Foro Social Mundial, como unha rede permanente de mobilización mundial de movementos sociais e organizacións da sociedade civil e que está estruturado por medio dun Consello Internacional e por distintos Comités Organizadores, para coordinar as actividades e os programas rexionais e mundiais cara a divulgar, debater e consolidar unha plataforma mínima de educación como política pública destinada ó benestar social.

O FME sostense, no marco do Foro Social Mundial, en dúas bases fundamentais, por unha banda, a construción dunha alternativa ó proxecto neoliberal e, pola outra, como un espazo plural, non confesional, non gobernamental e non partidario, verdadeiramente mundial, na procura de políticas educacionais que afirmen o carácter público da educación e, polo mesmo, un deber dos estados accesible a tódolos pobos.