Medio Ambiente autoriza a celebración en agosto do Festival A Noite do Trasno no espazo natural de Cabo Udra (Bueu)

Actualizado: martes, 23 mayo 2006 22:03

BUEU (PONTEVEDRA), 23 May. (EUROPA PRESS) -

A delegación provincial de Medio Ambiente comunicoulle á Asociación Mozas e Mozos de Beluso que permitirá finalmente a celebración do Festival A Noite do Trasno no espazo natural de Cabo Udra, na localidade pontevedresa de Bueu, o vindeiro mes de agosto.

O departamento autonómico deu a súa autorización tras o último informe elaborado polo colectivo e as múltiples reunións mantidas polos membros de Mozas e Mozos -acompañados de distintos grupos políticos da Corporación local- con representantes de Medio Ambiente e Medio Rural.

Os integrantes da devandita asociación atópanse xa traballando ó cen por cen para sacar adiante as dúas xornadas de Festival máis a Semana Cultural previa. A pouco menos de tres meses para 'A Noite do Trasno', faise necesario un esforzo organizativo para conseguir pechar os concertos e as actividades, e acadar a financiación precisa para levalos adiante.

Segundo informou hoxe a organización, as dúas noites de música en vivo terán lugar os días 11 e 12 de agosto, cun cartel especial para conmemorar o V Aniversario do Festival.

A presentación de 'A Noite do Trasno' celebrarase o sábado 17 de xuño na Casa do Pobo de Beluso, previsiblemente ás 12.00 horas. Tratarase dun acto aberto ó que están convidados todas as persoas e colectivos interesados en coñecer as novidades que incorporará a V edición do Festival. Mozas e Mozos invita ademais a asistir a quen queira colaborar coa asociación na preparación dos concertos e actividades.

Asemade, Mozas e Mozos de Beluso agradece o apoio prestado por persoas individuais e organizacións de todo tipo dende que Medio Ambiente emitiu o seu primeiro informe negativo contra a celebración do festival. As mostras de cariño e solidariedade animaron á asociación no proceso negociador coa Administración autonómica e contribuíron a que 'A Noite do Trasno' "sexa unha realidade un verán máis".