A Mesa acusa á Xunta de retirar a súa "única medida importante", a da obriga do galego nos test das oposicións

Actualizado: miércoles, 8 febrero 2006 22:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística lamentou hoxe a decisión da Xunta de "recuar" na súa decisión de esteblecer que os cuestionarios tipo test das oposicións á administración autonómica sexan só en galego, xa que se trataba da "única medida importante" do bipartito nos seis meses que leva ao frente do goberno.

Nun comunicado, a Mesa recordou que esta proposta contaba cun "grande consenso" e que según o propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ía en liña co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado co apoio dos tres partidos.

Ademais, considerou que o feito de que se realizase unha proba tipo test en galego significaba que calquera funcionario tería "unicamente a capacitación mínima de comprensión escrita do galego" e, por iso, xulgou a medida como "moi tímida", xa que "simplemente" garantía que calquera administrado que empregase o galego na administración autonómica sería entendido.

Así mesmo, acusaron ao conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, de ser o responsable desta decisión, que "non é de tipo xurídico, senón político", por ceder antes as "fortes presións contrarias á normalización do galego existentes no seu propio partido", o PSdeG.

A Mesa considerou "unha burla á cidadanía" que, despois do informe do Consello Consultivo, a Xunta tome unha decisión "que vai xusto no sentido contrario" e, por iso, confiou en que a secretaria xeral de Política Lingüística, como responsable transversal da materia no Goberno, compareza publicamente para explicar o acontecido.