A Mesa critica ós xuíces decanos por "frivolizar" sobre os dereitos lingüísticos e pídelles que "reflexionen"

Actualizado: domingo, 11 junio 2006 20:32

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, criticou hoxe ós xuíces decanos por "frivolizar" sobre a "continua vulneración" dos dereitos lingüísticos na Administración xudicial galega e instou ós maxistrados a que "reflexionen" porque sen o galego "non hai xustiza de calidade".

Deste xeito respostou Callón ás declaracións feitas recentemente nunha xuntanza celebradas polos xuíces decanos galegos, nas que se consideraba "innecesaria calquera obrigatoriedade do deber de coñecer o galego para exercer a xurisdición".

Así, o presidente da Mesa recordou que o Consello de Europa "denunciou en 2005 a precaria" situación da lingua galega no ámbito xudicial. Neste senso, salientou que en Galicia "incluso hai parellas que tiveron que casar con intérprete porque o xuíz se negou a usar o galego".

Ademais, apuntou que a "inmensa maioría" dos galegos "queren" que o idioma autóctono "non estea nunha situación de inferioridade" e que "non se fagan discriminacións de ningún tipo". Así mesmo, o presidente do órgano de defensa dos dereitos lingüísticos apuntou que no citado informe do Consello de Europa se recomendaba "emendar o marco legal para que tódalas administracións galegas poidan levar a cabo os procedementos en galego a petición dunha das partes".