A Mesa do Parlamento reivindicará o venres en Ourense a aportación da Xeración Nós a construír a identidade de Galicia

Actualizado: martes, 27 junio 2006 20:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jun. (EUROPA PRESS) -

A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, presidirá o vindeiro venres en Ourense unha xuntanza da Mesa da Cámara na que se aprobará unha declaración institucional para recoñecer a contribución da Xeración Nós á construcción da identidade de Galicia e do traballo da Fundación por divulgar o seu legado.

Nun acto na sede da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba (Ourense), os membros da mesa asinará unha declaración institucional que reivindicará a trascendencia da aportación da Xeración Nós e do seu compromiso cuns valores que o propio Parlamento aspira a promover na conmemoración dos seu 25 aniversario.

Así, a Cámara incidirá na súa aposta polo consenso, o diálogo e a defensa da identidade cultural do país e, trala aprobación da declaración, a Mesa e a xunta de goberno da fundación manterán unha xuntanza á que precederá o descubrimento dunha placa conmemorativa dos 25 anos do Parlamento, na que se recollerá a contribución da Xeración Nós e que se situará no Espazo do Diálogo da Fundación.

A propia presidenta da Cámara, Dolores Villarino; e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Fernández Freixanes; serán os encargados de protagonizar este acto, despois do cal, xa pola tarde, terá lugar unha recepción ofrecida polo alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, e a corporación municipal na casa do concello.

Así mesmo, a Mesa se reunirá cos voceiros dos grupos municipais e, posteriormente, descubrirán unha nova placa na Casa do Concello co lema 'Diálogo, 25 anos do Parlamento de Galicia. Este concello comprométese co emprego do diálogo como ferramenta insustituíble para garantir a liberdade, a seguridade e a dignidade dos cidadáns'. A xornada rematará cunha recepción oficial ofrecida polo Parlamento de Galicia ás autoridades e sociedade ourensana, no Liceo de Ourense.