A Mesa pide unha entrevista a Varela para que active un plan contra a "discriminación lingüística" no traballo

Actualizado: lunes, 26 junio 2006 22:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización solicitará unha entrevista ao conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, para demandarlle que poña en marcha un plan de acción contra a "discriminación lingüística" no ámbito laboral.

Ao respecto, a Mesa lembra que o vindeiro mércores xulgarase en Pontevedra o caso dunha moza que foi despedida por falar en galego cos compañeiros de traballo e advirte de que en Galicia "aínda non hai igualdade de oportunidades segundo se fale en galego ou castelán".

A coordenadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, tras facerse público este caso, recibiron "outras moitas queixas na mesma liña", desde diferentes puntos da comunidade galega e en situacións laborais diversas. "Esta é a punta do iceberg dun problema sen resolver: en Galicia aínda non hai igualdade de oportunidades segundo fales galego ou castelán", advertíu nunha roda de prensa en Vigo.

Ante esta situación, demandaron que a Consellaría de Traballo prepare un plan específico de accións contra a discriminación lingüística no traballo, que parta do xa aprobado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).

Pola súa banda, o presidente da Mesa, Carlos Callón, manifestou o "total apoio" desta entidade "a todas e cada unha das persoas que denuncian este tipo de situacións discriminatorias" e asistirán ao xuízo que se desenvolverá o próximo mércores.