O Museo do Pobo Galego únese por primeira vez á celebración da Festa da Música

Actualizado: martes, 20 junio 2006 23:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Museo do Pobo Galego unirase este ano por primeira vez na súa historia á celebración da Festa da Música, un evento que se organizou en Francia por primeira vez o 21 de xuño de 1982. A data elixida foi o solsticio de verán, o día máis longo, que tradicionalmente se celebra o 23 coas cacharelas de San Xoán.

Con este motivo, o mércores 21 as persoas que visiten o Museo do Pobo Galego serán agasallados cunha unidade didáctica elaborada polo Departamento de Educación e Acción Cultural. Neste contexto cabe inscribir tamén as dúas representacións do festival En Pé de Pedra, que terán lugar no claustro de Bonaval venres 23 ás 18:00 horas e sábado 24 ás 13:30 horas.

A Festa da Música é unha ocasión para que os afeccionados e os profesionais se expresen onde queiran, con total liberdade. A Festa da Música internacionalízase máis cada ano, porque supera as linguas e as escrituras, porque prescinde de consideracións políticas, porque é diversa e popular, porque todas as persoas gustan da música. En 2000, a Festa da Música celebrouse xa en máis dun cento de países en todo o mundo.

Como o Día do Libro, a Semana da Ciencia, o Día Internacional dos Museos ou o Día Mundial contra o SIDA, pouco a pouco estas xornadas van inserindo o seu ritmo nos nosos calendarios, do mesmo xeito en que aínda o fan as festas cíclicas tradicionais e as dedicadas aos santos e as santas.

En Pé de Pedra, festival ao aire libre onde durante varios días se suceden representacións de danza en espazos urbanos redescubertos para o público e o paseante, escolleu un ano máis o claustro de Bonaval para dúas das súas representacións da artista alemana JUSCHKA WEIGEL, que estrea a coreografía Ad hoc.