Os V Encontros culturais e concellos analizarán en Santiago a acción cultural nas cidades

Actualizado: jueves, 1 junio 2006 21:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará os días 9 e 10 de xuño a quinta edición dos encontros Cultura e Concellos, que nesta ocasión xirarán arredor da 'Acción cultural nos espazos urbanos'.

Estas xornadas constitúen unha cita anual para intercambiar información, coñecementos e iniciativas nun fructífero diálogo entre territorios e realidades culturais diferentes. Nesta ocasión, a acción cultural urbana, as súas características e espazos, serán os protagonistas.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaugurará o encontro día 9. Coa súa intervención darán comezo unhas xornadas que se agarda que reúnan a preto dun cento de técnicos e axentes culturais galegos e foráneos.

O primeiro día de traballo exporán a súa experiencia en acción cultural os directores do Centre d'Estudis i Recursos Culturals de Barcelona, Eduard Miralles, e do Observatorio Cultural de Languedoc-Rousillon, Emmanuel Negrier, un dos mellores expertos no ámbito europeo en políticas culturais en áreas metropolitanas.

Completarán o programa técnicos culturais de cidades como Eibar, Guimaraes, Granollers e da Fundación Barrié de la Maza, que explicarán os seus modelos culturais.O segundo día, as xornadas comezarán cunha intervención de Antonio Fraguas 'Forges' sobre 'A Cultura na cidade, vivir a cidade'. O coordinador principal do Encontro, Xan Bouzada, destaca deste humorista o seu traballo de reflexión sobre a vida e a cultura na cidade, un complemento perfecto para o programa técnico da xuntanza.

As sesións continuarán cunha mesa redonda sobre os actores e espazos da acción cultural urbana na que participarán o director do CGAC, Manuel Olveira; a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira; Xesús Ron, da Sala Nasa; Xabier Paz, da Libraría Torga-Ourense, e a profesora Ana Belén Fernández. Pechará o encontro o presidente da Fegamp, Xosé Crespo. Con esta participación, o Consello da Cultura quere abrir as súas portas tamén a experiencias culturais alternativas e a proxectos innovadores.

A celebración destas xornadas xorde ante a idea de que se o rural é considerado o espazo da preservación da memoria, o urbano é o ámbito no que a cultura se secularizou, abríndose á praza pública e ao alento da sociedade civil. Hai que lembrar que foi na cidade moderna onde agromaron as formulacións máis elaboradas e ambiciosas sobre a base das cales a cultura se constituíu nunha proposta reflexiva e nun logro no camiño da emancipación colectiva.

Deste xeito, hoxe en día, as políticas culturais urbanas constitúen un soporte institucional imprescindible para unha articulación social, política e territorial eficiente, capaz de dar conta dos profundos cambios que a nosa sociedade está a experimentar nestes inicios do século XXI. Neste senso, Xan Bouzada destaca que "Galicia viviu nos últimos anos unha auténtica revolución nas políticas culturais, unha intensa eclosión que as converten na actualidade en eixes centrais das políticas do concellos".