Os incendios que asolaron Galicia no verán centran a mostra de fotoxornalismo 'Galicia en Foco'

Actualizado: jueves, 23 marzo 2006 22:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Mar. (EUROPA PRESS) -

A sala de exposicións do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) acolle ata o próximo día 21 de abril a decimosexta edición da mostra 'Galicia en Foco', que este ano ten como un dos temas máis recurrentes os incendios que asolaron Galicia no pasado verán.

A iniciativa de crear esta exposición cada ano corresponde ao Club de Prensa de Ferrol. No acto de inauguración de esta tarde estiveron presentes o secretario do COAG-Santiago, Miguel Serrano; unha representante da Comisión de Cultura do COAG, Carmen García; e o secretario do Club de Prensa de Ferrol, Luis Mera.

Un total de 38 fotorreporteiros galegos ofrecen unha selección das súas mellores fotos para retratar a actualidade galega do último ano. Trátase de 70 imaxes que recollen os incendios que asolaron Galicia no verán, os personaxes do cambio político, as traxedias internacionais, a tradición galega e outros reflexos da realidade baixo o prisma da noticia e o interese da arte fotográfica.

O secretario do Club de Prensa de Ferrrol, Luis Mera, afirmou que esta edición "é a máis importante de todas as celebradas en canto a calidade dos traballos presentados como a cantidade dos mesmos recibidos". Ademais, existe unha gran variedade de temas tratados e cos anos converteuse na gran cita de referencia no mundo fotográgico e na máis lonxeva.

O catálogo que acompaña á mostra está precedido por un traballo de investigación sobre os arquivos fotográficos dos periódicos españois. Ademais, os organizadores quixeron rendir unha homenaxe ao poeta do Grove, Lueiro Rey, incorporando citas deste artista.