Os licenciados en Psicoloxía pola USC ocupan o 20% das prazas da última convocatoria de Psicólogos Internos Residentes

Actualizado: martes, 21 marzo 2006 20:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Mar. (EUROPA PRESS) -

Os licenciados en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) acapararon 19 das 89 prazas da convocatoria de Psicólogos Internos Residentes (PIR) de 2006, segundo informou a institución académica.

Entre os titulados que superaron o exame do PIR atópanse o número 1 da convocatoria, ademais de situar a graduados nos 15 primeiros postos. Deste xeito, os licenciados pola USC fixéronse con 20 por cento das prazas convocadas "cunha proporción de éxito cinco veces superior á que lle correspondería por proporción de licenciados, inferior ao 4 por cento", sinalou o decanato deste centro compostelán.

Estes resultados melloran os de anos anteriores, nos que os licenciados da USC tamén acadaron unha "destacada" porcentaxe das prazas convocadas. O decanato de Psicoloxía considerou que estes indicadores "poñen de manifesto a notable asimetría" entre as 19 prazas conseguidas por licenciados en Galicia e as catro prazas do PIR ofertadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos centros sanitarios galegos, "o que obriga a 15 persoas a buscar praza noutras comunidades españolas".

O exame PIR é a porta de entrada para realizar os tres anos de formación sanitaria posgraduada que dan acceso ao título de Especialista en Psicoloxía Clínica. O equipo decanal da Facultade de Psicoloxía considerou necesario, á vista destes resultados, facer un chamamento aos responsables sanitarios para que busquen unha solución á "emigración forzosa" dos que demostraron a súa competencia nunha convocatoria "competitiva", así como á "inexplicablemente escasa oferta" por parte do Sergas de prazas de Facultativos Especialistas en Psicoloxía Clínica.

O obxectivo deste chamamento sería "integrar dentro do sistema sanitario galego a estes cualificados profesionais da Psicoloxía, en consonancia coa crecente demanda social dos seus servizos no ámbito sanitario".

Asemade, o equipo decanal da Facultade de Psicoloxía transmitiu os seus parabéns a todas e todos os licenciados que obtiveron praza na convocatoria PIR, a todo o persoal docente e investigador do centro "pola competencia e adicación no labor que veñen desenvolvendo", así como ao persoal de administración e de servizos e aos profesionais que supervisaron a preparación do exame. "Cada un dende o seu posto, con responsabilidade e entrega, teñen contribuído a este éxito sen precedentes na Psicoloxía española", engadiu o equipo responsable do centro.