O padroado da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal reúne mañá en Santiago

Actualizado: domingo, 29 enero 2006 15:50

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Ene. (EUROPA PRESS) -

O padroado da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) celebrará mañá en Santiago de Compostela unha xuntanza coa participación de todos os seus integrantes. Á xuntanza asisten as tres universidades galegas, as portuguesas de Oporto, Minho e Tras os Montes e do Alto Douro, representantes do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal.

A reunión, que presidirá o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en calidade de presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e na que participa como convidada a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, está convocada para as 17.30 horas en primeira convocatoria na Casa de Europa da Universidade de Santiago (USC).

Nesta xuntanza, tratarase a xestión dos anos 2004-2005; o balance económico; o programa de actividades e o orzamento para 2006 e a ratificación ou alteración, segundo proceda, dos órganos de goberno do padroado, entre os que figuran a presidencia, o Consello Científico, a Secretaria Xeral e o Consello de Dirección.

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal ten por obxectivo fundamental impulsar a cooperación académica entre as seis universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal, así como destas coas institucións políticas e cos actores locais a través do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, todos estas institucións intergrantes da Fundación.

Neste marco, preténdese promover a complementariedade e a sinerxia en materia de formación e investigación de excelencia que poida levar á creación de redes estables de profesores e investigadores universitarios especializados en temas de interese estratéxico para o desenvolvemento económico e social transfronterizo.