O Parlamento recoñecerá o vindeiro venres a aportación da Xeración Nós na construcción da identidade de Galicia

Actualizado: martes, 27 junio 2006 20:31

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Mesa da Cámara aprobará o vindeiro venres na sede da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba (Ourense) unha declaración institucional en recoñecimento da "contribución da Xeración Nós á construcción da identidade de Galicia e do traballo da fundación que leva o seu nome por divulgar o seu legado.

Nun comunicado, o Parlamento galego suliñou que a declaración institucional deixará constancia histórica da "importancia" da aportación da Xeración Nós e do seu compromiso cos valores que a Cámara quere defender na conmemoración dos seus 25 anos, "os do consenso, o diálogo e a defensa da identidade cultural do país".

Logo da aprobación desta declaración, a Mesa da Cámara e a xunta de goberno da Fundación manteerán unha xuntanza. Posteriormente, a presidenta da Cámara, Dolores Villarino, e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Fernández Freixanes, descubrirán unha placa conmemorativa dos 25 anos do Parlamento de Galicia alusiva á contribución da Xeración Nós.

Os actos continuarán, xa pola tarde, coa recepción ofrecida polo alcalde do Concello de Ourense, Manuel Cabezas, e a corporación municipal na casa do concello, que continuará cunha xuntanza dos representantes da Mesa do Parlamento cos voceiros dos grupos municipais. Tamén o concello, descubrirá unha nova placa co lema "Diálogo, 25 anos do Parlamento de Galicia".

Por outra banda, o sábado, día 1 de xullo, terá lugar na Praza Maior de Ourense o acto "Ir e vir, diálogos migratorios", que contará coa intervención de Dolores Villarino, e o alcalde de Ourense, Manuel Cabezas. Este acto contará coa participación do intelectual Xosé Neira Vilas, a poeta Chus Pato, o actor Manuel Oliveira Pico, o psiquiatra especialista na influencia das migracións Alexandre García Caballero, o pediatra voluntario en Bolivia Manuel Garrido Valenzuela e representantes da colectividade emigrante.