O pintor ourensán Virxilio recibe o premio 'Celanova, casa dos poetas', de man da presidenta do Parlamento galego

Actualizado: domingo, 3 septiembre 2006 18:36

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Sep. (EUROPA PRESS) -

A presidenta do Parlamento galego, Dolores Vilarino, fixo entrega hoxe ao pintor ourensán Virxilio da XXII edición do premio 'Celanova, casa dos poetas', concedido pola Fundación Curros Enríquez.

No acto, Vilarino afirmou que Virxilio "soubo reflexar como ninguén a Galicia campesiña e emigrante" e salientou a traxectoria do artista, recoñecido non só en Galicia, senón tamén nos círculos de Milán, Berlín ou Caracas.

Do mesmo xeito, a presidenta da Cámara autonómica eloxiou o labor desenvolvido pola Fundación Curros Enríquez a prol da cultura galega coa entrega destes premios.

Por outra banda, na entrega dunha ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio Ferreiro, Vilarino lamentou que este non puidera "disfrutar da autonomía galega" ao morrer en 1979, pero subliñou que "boa parte do seu legado está hoxe connosco".

Nesa liña, engadiu que a "traxectoria cultural e vital deste grupo de intelectuais galegos é un legado que educou e segue a educar ás xeracións que si viron nacer e crecer ás institucións autonómicas galegas, que este ano celebran os seus 25 anos".

Finalmente, Vilarino rematou a súa intervención lembrando que "este ano é unha celebración da democracia" e amosou o seu convencemento de que "Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez e tantos nomes de intelectuais galegos estarían orgullosos" de compartilos.