Política Lingüística proponlle aos empresarios un "gran acordo pola fala" para normalizar o idioma no ámbito económico

Actualizado: viernes, 13 enero 2006 20:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Ene. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, convocou hoxe ao empresariado galego a un "gran pacto pola fala" para afondar na normalización lingüística do sector empresarial.

No transcurso da xornada sobre Economía e Identidades do Foro Enrique Peinador, organizada pola Fundación Premios da Crítica de Galicia, López expresou a súa vontade de chegar a un "gran acordo" cos empresarios para estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais. Así, anunciou varias medidas, entre elas a posta en marcha dun "ambicioso proxecto normalizador" que na actualidade está preparando a Confederación de Empresarios de Galicia e que contará co apoio técnico e económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

"Estamos á espera de que a Confederación de Empresarios nos presente un proxecto de normalización que vai englobar a todos os seus asociados e que contará coa nosa axuda técnica e económica, cunha partida non inferior aos 750.000 euros", anunciou.

Ademáis, explicou que son obxectivos prioritarios do seu departamento "incrementar os recursos lingüísticos" e ofrecer ferramentas tecnolóxicas que lles permitan ás empresas "desenvolver a súa actividade en galego".

Neste senso, anunciou que nun "breve prazo" se editará o Dicionario de Termos Económicos, un volume para fornecer a terminoloxía empresarial e que vai ser distribuído entre as principais empresas galegas. Tamén explicou que outra das ferramentas coas que se vai contar en breve é un tradutor informático de altas prestacións que poderá facilitar a galeguización de multitude de documentos bancarios, formularios e todo tipo de documentación empresarial.

Finalmente, anunciou a súa intención de manter xuntanzas co empresariado para avanzar no obxectivo declarado pola Presidencia da Xunta de "involucrar ás grandes empresas deste país na incorporación do uso do galego e no compromiso coa lingua que fala a maior parte dos cidadáns de Galicia".