O PSdeG acusa á Mesa de pular o galego dende a "confrontación" e ser máis "plataforma política" que axente normalizador

Actualizado: lunes, 12 junio 2006 20:35

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Grupo Parlamentario do PSdeG criticou hoxe á Mesa pola Normalización Lingüística por actuar coma una "presunta defensora do galego incapaz de vivir sen confrontación" e acusouna de semellar unha "plataforma política máis que un elemento potenciador de normalización".

Nun comunicado, o portavoz de Educación, Guillermo Meijón, advertiu de que "a peor forma" de defender a lingua é a súa utilización "como bandeira partidaria" e, por iso instou a "gañar aliados" coma "vía" para conseguir a normalización, "hexemonía e falantes".

O deputado socialista expresou a súa "sorpresa" polas denuncias da Mesa, pese a que, en diferentes ocasións, tanto a conselleira de Educación como a directora xeral de Ordenación Educativa "teñen manifestado de forma nidia e clara a súa intención de levar adiante con firmeza o Plan Xeral de Normalización, e xa se teñen adoptado medidas neste sentido no eido educativo".

Por iso, reclamou "tento e paciencia, pero tamén rigor e firmeza" na aposta pola lingua, "tarefa na que o Goberno está empeñado de maneira clara e rotunda". Así, destacou "o traballo encomendado á Inspección Educativa nas distintas provincias co obxecto de trazar un panorama da situación actual", que se concretará nun informe da situación do emprego da lingua galega nos distintos tramos do ensino, "o que favorecerá o deseño e posta en marcha de novas liñas de actuación. Este informe estará rematado a finais do presente curso escolar".

Ademais, recordou que, "por primeira vez, se está a implantar un programa de galeguización na etapa de Educación Infantil, aberto a todos os centros que, cumprido os requisitos mínimos esixidos, así o soliciten, e ampliable no futuro ás seguintes etapas.

MOSTRAS DE PREOCUPACIÓN

Polo que respecta aos libros de texto, o parlamentario do PSdeG considerou que se teñen dado "sobradas mostras da preocupación" da consellería, que este mesmo curso está a cambiar os libros de texto debido ao cambio da normativa lingüística. "En todo caso, o recambio dos libros de texto en función de razóns lingüísticas e pedagóxicas están garantidos", engadiu.

A maiores, reivindicou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está "reforzando" o papel e a formación dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino a través da coordinación, unha "demanda histórica" do colectivo afectado; ao tempo que está potenciando as bibliotecas escolares "nunha proporción nunca recordada"; a formación do profesorado; iniciativas destinadas a promover proxectos de innovación educativa que fomenten o uso do galego oral nos centros de ensino; e a elaboración de materiais específicos destinados aos ciclos de educación infantil, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e coa Consellería de Educación.

"Os tempos cambiaron no que toca á actitude do Goberno en favor do galego", resumiu Meijón, quen recordou que a secretaria xeral compareceu a petición propia ante a Comisión de Educación do Parlamento para presentar o Programa Operativo 2006 do Plan Xeral de Normalización Lingüística, e en marzo quedou regulado o funcionamento da comisión de seguimento e impulso do Plan.