Quince estudantes universitarios poderán recibir axudas da Fundación Manuevl Ventura Figueroa

Actualizado: sábado, 19 agosto 2006 21:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Manuel Ventura Figueroa convoca 15 axudas para continuación de estudios universitarios e de posgrao A entidade, unha das máis antigas de Europa, concede cada ano bolsas para os estudantes universitarios parentes do fundador.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte venres, 18 de agosto, anunciou a convocatoria de axudas ao estudo para o curso académico 2006/07 da Fundación Manuel Ventura Figueroa. O Padroado desta entidade reuniuse o pasado 13 de xullo en Santiago de Compostela e aprobou, entre outros, o acordo de convocatoria destas bolsas.

Así, a entidade convocou dez axudas de 1.503 euros para o primeiro e segudno ciclo de estudos universitarios; dúas de 2.104 euros para o terceiro ciclo; e outras dúas de 3.005 euros para a realización de teses doutorais. Ademais, aprobou unha bolsa de 3.005 euros para un máster dunha duración mínima de 500 horas. En total, a Fundación investirá 28.253 euros en axudas.

Os beneficiarios destas axudas son todos parentes do fundador, debidamente clasificados como tales, que resulten seleccionados polo padroado. Neste senso, a comisión de selección --composta polos membros do padroado- valorará a situación económica dos solicitantes, a súa traxectoria académica e a proximidade no grao de parentesco co fundador.

A Fundación Manuel Ventura Figueroa foi instituída en 1784 polos testamenteiros de Manuel Ventura Figueroa, patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castela, co obxecto, entre outros, de proporcionar axudas económicas para realizar estudos de toda clase destinadas aos seus parentes.