A Radio Galega aséntase como a segunda emisora máis escoitada con 180.000 oíntes de luns a domingo, segundo o EGM

Actualizado: miércoles, 12 julio 2006 21:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Radio Galega logrou 180.000 oíntes de luns a domingo na segunda oleada do Estudio General de Medios (EGM), o que supón o segundo mellor resultado da historia da emisora pública, despois dos 184.000 logrados na terceira ola de 2005.

Estes datos supoñen un crecemento do 9,09 por cento respecto á segunda oleada de 2005 e un crecemento do 5,88 por cento respecto aos datos obtidos na primeira ola de 2006, segundo informou a emisora pública nun comunicado.

De luns a venres, a Radio Galega ten 175.000 oíntes, o que supón un crecemento do 14,38 por cento respecto a mesma ola do exercicio anterior (153.000 oíntes) e do 11,46 por cento sobre aos datos da primeira ola do EGM deste ano, ao lograr 18.000 oíntes máis.

No acumulado anual -que se calcula a partir da media das tres últimas olas, que coinciden coa nova dirección da emisora pública-, a Radio Galega logrou os mellores datos da súa historia, xa que de luns a domingo obtivo unha media de 178.000 oíntes, o que supón un crecemento do 25,35 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior. De luns a venres, o acumulado anual ascende a 173.000 oíntes, o que supón un crecemento do 12,34 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior.

A Radio Galega subliñou que estes datos, que a sitúan como a segunda emisora máis escoitada en Galicia por detrás da Cadea Ser, son "positivos" porque se producen tras o cambio de programación acometido no mes de xaneiro, non só nos nomes e nos directores dos programas, senón tamén nos contidos.

Nas últimas tres olas, que sucederon a renovación directiva da CRTVG, producíronse 3 dos 4 mellores resultados da historia da cadea cuxo precedente máis próximo á audiencia actual producíase hai máis de 10 anos, cos 173.000 oíntes da primeira ola de 1993.

O maior crecemento de audiencia rexistrouse no programa "Un día por diante", que dirixe e presenta Helena Soto polas mañás, desde o 1 de abril. Este incremento tamén lle afectou favorablemente á programación nocturna, en concreto, a "Milenio", de Antón Rebollido, e a "Deriva Atlántica", con Pepe Carreira. Na madrugada, a Radio Galega mantén o liderato co programa "Pensando en Tí", que presenta Marcial Mouzo.