A Real Academia acolle a presentación da Asociación Puntogal que reclama un dominio propio para Galicia en Internet

Actualizado: martes, 13 junio 2006 21:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega (RAG) acolleu hoxe a presentación da Asociación Puntogal, cuio obxectivo é acadar un dominio propio para a cultura e a nlingua galega en Internet.

Neste acto, o secretario da RAG, Manolo González, suliñou que o ".gal" será como o "carné de identidade que identifique a Galicia na rede", sinalou ao destacar que máis de 38 entidades da comunidade xa se adheriron á iniciativa, como primeiro paso "dun proceso aberto" no que se agarda contar "con moitas máis".

Entre as entidades figuran a Asociación de Editores de Galicia, o Sindicato de Xornalistas de Galicia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude, a Mesa pola Normalización Lingüística, a CRTVG, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o Consello da Cultura Galega, EMUGA, a Federación de Libreiros de Galicia, Nova Escola Galega, Ponte nas Ondas, Vieiros, AME, CESGA, o Consello da Avogacía Galega, Onda Nós ou as tres universidades galegas.

O proceso de consecución do dominio, que segundo o presidente "contribuirá a fomentar a autoestima dos valores de Galicia", conta igualmente co "apoio explícito" da dirección xeral de Promoción Industrial e para a Sociedade da Información. Puntogal consituise o pasado sábado en Santiago de Compostela.

Manolo González salientou entre os traballos previstos pola nova entidade a súa "implicación directa na sociedade" do país para concienciala da importancia do proceso. Así, a Xunta Directiva promoverá encontros e reunións con responsables políticos e sociais nas vindeiras semanas. Igualmente, o PuntoGal estará presente en diversos eventos e actividades públicas de agora en adiante. Finalmente, González afirmou que para a asociación é fundamental implicar á emigración no proxecto.

O vicepresidente da asociación, Camilo Regueiro, fixo un repaso dos pasos previos á constitución da entidade, que comezou cos traballos da Promotora e que desembocaron na Asemblea do pasado sábado na capital galega. Regueiro lembrou a importancia da participación do maior número posible de entidades como mellor maneira para conseguir o dominio, que deberá ser presentado como candidatura diante da ICANN, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, o organismo internacional que os xestiona.