Rural.- A Fundación Galicia Verde critica a "precariedade" do medio rural e aboga por un plan baseado na sostenibilidade

PONTEVEDRA, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Galicia Verde considerou hoxe que a vaga de incendios que afecta á comunidade ten causado "un destrozo tremendo" que cómpre avaliar "en termos rigurosos e de maneira específica por zonas". Así, o presidente, Enrique Banet, e maila patroa deste colectivo, Mabel Rivera, indicaron que "o futuro pasa por crear un proxecto de desenvolvemento sostible" para invertir a actual situación de "precariedade" na que se atopa o medio rural galego.

Enrique Banet apostou por "desfacer todo o que se fixo mal ata agora" e citou como exemplos un plan forestal que calificou de "nefasto que supuso a saturación do mercado coa implantación foránea do eucalipto". O presidente da Fundación Galicia Verde sinalou que se trata dun "problema de sistema" que converteu ao agricultor nun "cidadán de segunda".

Mabel Rivera apelou, pola súa banda, á Administración "para que se poña á disposición de xente con capacidade de elaborar proxectos de envergadura e plans de auténtica prevención para poñer o rural a funcionar". Non obstante, ante a vaga de incendios, a patroa de Galicia Verde subliñou que a prioridade é "apagar, apagar e apagar".

En declaracións a Europa Press, os responsable da Fundación Galicia Verde tamén anunciaron a próxima organización dun foro sobre a problemática dos incendios forestais no que participarán científicos e especialistas na aportación de propostas "para a recuperación do chan queimado, a viabilidade dos ríos, da flora e da fauna".

LEBOSO

Malia que o lume lle afectou ao Concello de Forcarei, as lapas non chegaron ata o lugar -na aldea de Leboso- no que a Fundación Galicia Verde está poñendo en marcha un dos cinco centros galegos que pretende dedicar ao medio ambiente, ás novas tecnoloxías e ao desenvolvemento rural.

Actualmente, esta iniciativa "privada e baseada no voluntariado" está na fase de reconstruir unha antiga escola que se converterá en centro de recuperación, investigación e divulgación do patrimonio xenético agrogandeiro. "A solución pasa por proxectos coma este", asegurou Mabel Rivera, quen considerou que "cada concello debería asumir unha iniciativa deste tipo".

O presidente da fundación explicou que Galicia Verde introducirá un "aval de calidade" baseado na producción de productos de agricultura ecolóxica, a "venda local" nun radio de 50 quilómetros e a "dignificación" do traballo do gandeiro. Enrique Banet instou á posta en valor do medio rural porque "o sector primario é básico".