O Servizo Bibliográfico da Deputación de Pontevedra editou 50 libros en galego en 2005 e incluirá outros 22 este ano

Actualizado: martes, 27 junio 2006 22:33

PONTEVEDRA, 27 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra ten publicado 50 libros en galego durante 2005 e no que vai de 2006 xa ten publicado sete, aos que se engadirán outros 15 no que resta de ano.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, informou deste balance na presentación do libro titulado 'Cobián, González Besada e Bugallal: tres ministros galegos na crise da Restauración', escrito por Rafael Vallejo Pousada, Juan Pro Ruiz e Juan Pan-Montojo; e na que explicou que o departamento bibliográfico deste servizo incrementou os fondos da súa biblioteca con 500 novos fondos.

Tamén se efectuou o baleirado á hemeroteca dos artigos correspondentes ás 350 revistas máis importantes de Galicia e se catalogaron e informatizaron máis de 10.000 imaxes da provincia. Ademais, entre as adquisicións máis importantes, figura un orixinal do mapa de Domingo Fontán denominado 'Carta geométrica de Galicia', considerado o traballo cartográfico máis importante do século XIX.

MINISTROS GALEGOS

No apartado de Patrimonio Documental, Louzán enumerou, entre outras actividades, a catalogación documental de arquivos e a formación dunha base de datos informatizada, a creación e catalogación dun arquivo musical que xa conta con 3.000 pezas para a recuperación do patrimonio musical de Galicia. Tamén se recuperaron 2.100 tarxetas postais e máis de 8.000 fotografías e, finalmente, se creou un arquivo de creadores galegos que abrangue 200 artistas.

O libro do que son autores Vallejo, Pro Ruiz e Pan-Montojo recolle a biografía do pontevedrés Cobián, do tudense González Besada e do ponteareano Gabino Bugallal no periodo que abrangue dende o pronunciamento do xeneral Martínez Campos --que pon fin á I República en 1874-- ata a proclamación da II República en 1931 e, para o presidente da Deputación, esta obra é "imprescindible para afrontar o futuro do país".