Touriño agarda que a antoloxía galego-rusa dos poemas de Rosalía contribúa a internacionalizar a obra da escritora

Actualizado: miércoles, 7 junio 2006 22:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, confiou hoxe na presentación da Antoloxía Galego-Rusa de Poemas de Rosalía de Castro en que presidiu esta recompilación bilingüe contribúa a dar "un paso máis, de gran relevancia", á internacionalización da obra da escritora padronesa.

Nun acto na Casa da Matanza, en Padrón (A Coruña), Touriño lembrou que o alcance da literatura de Rosalía "non se limita só a Galicia", senón que está espallada polo mundo. "É a nosa escritora máis internacional e o valor literario galego máis firmemente establecido fóra das nosas fronteiras lingüísticas", declarou sobre a autora.

Por iso, considerou que "grazas a este acto de amizade e hospitalidade que é sempre toda tradución, tamén Rosalía de Castro pasa a ser patrimonio dos lectores rusos" e a estar "verquida" a unha das linguas "máis importantes do mundo, non só polo seu gran número de falantes, senón tamén pola extraordinaria e singularísima tradición literaria á que deu orixe".

No acto, no que estiveron tamén presentes a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro; a directora do Centro de Estudos Galegos na Universidade de San Petersburgo, Elena Zernova; e o director do Centro de Estudos Rosalianos, Xesús Alonso Montero; o mandatario aproveitou para agradecer o labor dos que participaron nesta obra e aos que teñen contribuído a espallar a literatura rosaliana por todo o mundo.

Touriño agradeceu especialmente a dedicación de Elena Zernova polo seu achegamento á literatura galega xa que, tal e como lembrou, Zernova é a directora dunha colección que está a facer posible a aparición, en lingua rusa, de destacadas mostras da literatura galega.

PROXECTO ADMIRABLE

Ao seu xuízo, trátase dun proxecto "verdadeiramente admirable, fermoso e que provoca en sentimentos de gratitude e de emoción" entre os galegos e, por iso, fixo extensible o seu agradecemento a todo o equipo de alumnos e profesores da Universidade de San Petersburgo que están a traballar nesta iniciativa.

Ademais, o titular do Goberno galego tamén quixo aproveitar a súa intervención para salientar que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente la Presidencia da Xunta, vai ofrecer todo o apoio necesario para continuar con esta tarefa de espallamento da obra rosaliana.

"Quero aproveitar esta nova presenza miña na Casa da Matanza, na Casa de Rosalía, para testemuñarlles aos responsables da Fundación Rosalía de Castro, aquí magnificamente representados por Xesús Alonso Montero e por Helena Villar, o compromiso claro e inequívoco da Xunta de Galicia con esta Casa e coa Fundación que nela se radica", concluíu.

A Antoloxía Bilingüe Galego-Ruso de Poemas de Rosalía de Castro comprende un total de 40 poemas da escritora padronesa, tanto de 'Cantares Gallegos' coma de 'Follas Novas' e supón o primeiro libro íntegro de Rosalía en ruso.