Touriño garantiza medidas lexislativas para pular a industria editorial e suliña a "universalidade" da cultura galega

Actualizado: jueves, 6 abril 2006 23:16

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeu hoxe un esforzo especial para pular a industria editorial galega mediante medidas lexislativas que fomenten un sector que ante o que as administracións públicas deben mostrar unha "especial sensibilidade", sobre todo pola súa contribución á cultura galega e a súa universalidade.

Na súa intervención na presentación do derradeiro volume da Enciclopia Galega Universal, Touriño garantizou o apoio do seu Goberno a través de iniciativas coma a Lei do Libro e da Lectura e a Lei de Bibliotecas que, segundo lembrou, serán aprobadas este mesmo ano no Parlamento.

Asemade, o presidente da Xunta recordou outras iniciativas coma o Plan de dotación de bibliotecas escolares e de animación á lectura, promovidas pola Consellería de Educación, así coma a "vontade" do Executivo por establecer "canles de diálogo permanente" cos editores, a través de mesas técnicas e de seguimento que permitan testar as súas opinións e propostas.

Na súa opinión, o sector editorial ten unha importancia "básica e medular" na conformación do sistema cultural galego, tamén no ámbito económico, xa que está constituído por máis de 40 empresas e mantén centos de postos de traballo vinculados directa ou indirectamente.

IMPORTANCIA DO SECTOR

Así mesmo, suliñou que nos últimos anos factura cantidades que oscilan entre os 15 e os 20 millóns de euros, pese a que engadiu que estes datos económicos "non esgotan nin dan conta da verdadeira importancia dun sector que ten como principal misión manter viva a publicación de libros en lingua galega".

Neste sentido, reivindicou a "vocación universal" que caracterizou dende sempre á cultura galega a "apertura ao mundo" da cultura galega. "Isto é así polo menos desde a Xeración Nós e o diálogo crítico que os seus máis sobranceiros representantes estableceron coa cultura europea do seu tempo", declarou.

Por elo, aproveitou para transmitir os seus parabéns a Ir Indo Edicións polo seu traballo da Enciclopedia Galega Universal, da que declarou que "axuda a percibir a cultura como unha parte senlleira e orixinal da cultura universal". "Unha obra que encarna á perfección a posibilidade de conxugar o propio e o alleo, o local e o global, o galego e o universal", concluiu.