TURISMO.- A XXXVII Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña (Pontevedra) prevé recibir mañá a máis de 3.000 visitantes

Actualizado: sábado, 29 julio 2006 18:25

A organización agarda obter para o vindeiro ano o certificado de celebración de interese turístico nacional

PONTEVEDRA, 29 Jul. (EUROPA PRESS) -

A XXXVII edición da Festa do Carneiro ó Espeto que se celebrará mañá en Moraña (Pontevedra) reunirá na carballeira de Santa Lucía a unhas 3.000 persoas, segundo a organización, que prevé asar 140 carneiros, de uns 14 kilogramos cada un, para grupos de 20 persoas que pagarán, por cada lote, 250 euros.

A organización desta festa, que depende do Concello de Moraña, asegurou que haberá "récord de asistencia", con comensais chegados de toda Galicia, de Portugal e de diversos puntos do resto de España. Fontes municipais destacaron o carácter "popular" desta celebración gastronómica, considerada "a terceira máis antiga, trala Festa do Cocido de Lalín e a Festa do Albariño de Cambados".

Os responsables do programa de actividades indicaron que a Festa do Carneiro ó Espeto "mantén a súa esencia dende hai 37 anos" e malia que se trata dun acontecemento "único en España e con proxección internacional", apostan pola "calidade" máis que a cantidade de asistentes para evitar que se masifique.

INTERÉS TURÍSTICO

Actualmente, a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña está considerada de "interese turístico". O Concello de Moraña xa iniciou os trámites para conseguir, de cara ao ano próximo, a certificación de "interese turístico nacional". O cupo de asistencia para a presente edición xa quedou pechado o pasado 19 de xullo, dous días antes do previsto, ante a elevada demanda dos grupos de comensais.

O equipo de cociñeiros comezará a instalar os carneiros ó espeto "en rondos" ás seis da madrugada do domingo e unha hora despois iniciarase o "ritual de prender o lume". O asado dos carneiros concluirá sobre as 14.30 horas, momento no que un representante de cada mesa asistirá ao sorteo dos lotes para asignar cada carneiro a un grupo de comensais.

Os lotes tamén inclúen dúas empanadas, 12 botellas de viño tinto de Barrantes e catro bolos de pan, entre outros productos. Cínguíndose ás orixes da festa, inspirada polos veciños de Moraña que emigraron á Pampa, o asado dos carneiros completarase cunha salsa "de ingredientes secretos" traída de Arxentina. O concello salientou os "lazos de unión" que establece esta celebración gastronómica coa emigración e o fomento da "convivencia" entre a xente nova.