A TVG aposta pola cultura, o cine e as curtometraxes galegas nos programas que estrea esta fin de semana

Actualizado: viernes, 13 enero 2006 20:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia estrenará esta fin de semana tres novos programas dedicados á cultura, ao cine e ás curtametraxes galegas. "Miraxes", "Planeta Cine" e "Onda Curta" conforman a primeira das novas apostas coas que a canle autonómica encara unha nova etapa, que virá chea de acontecementos e de novidades para os telespectadores galegos.

Nun comunicado, a TVG sinalou que un dos grandes eidos que pretende potenciar é o da cultura, ata o punto de crear unha área específica dedicada a este campo, dirixida polo xornalista Luis Rei, que comezará a súa andaina este sábado coa estrea do programa "Miraxes", que ten como obxectivo conectar coa realidade cultural galega e a súa prolífica oferta. O espazo dedicado á actualidade cultural abrangue todas as disciplinas: artes plásticas, fotografía, arquitectura, teatro, literatura, cine, etc.

O novo programa, que se emitirá os sábados e os domingos na sobremesa, a partir das 15.25 h, será presentado por Xandra Tedín e Miguel Fernández e contará coa colaboración de Susana Cendán como comentarista de arte e de Antón Lopo como comentarista de espectáculos.

Por outra banda, o domingo nacerá "Planeta cine", un espazo semanal para informar sobre a actualidade cinematográfica da carteleira, ademais de facer un seguimento das novidades do audiovisual. O novo programa, dirixido por Pilar Comesaña e presentado por Piedad Cabo, conta coa música orixinal do compositor galego Sergio Moure, nominado aos Goya o pasado ano pola banda sonora da película "Inconscientes", de Joaquín Oristrel, e conta con dous colaboradores de excepción: Óscar Suárez, actor e director de cine coñecido pola cinta "The last patrol", e o escritor e crítico Miguel Anxo Fernández. A última estrea que a Televisión de Galicia ten preparada para esta fin de semana é "Onda Curta", unha fiestra aberta para o audiovisual galego. O novo espazo amosará as curtametraxes e as creacións curtas en xeral dos cineastas galegos, facendo especial fincapé nos novos talentos. Cine en curtos e spots ou videoclips que servirán para dar a coñecer os novos realizadores e grupos emerxentes no panorama musical galego. "Onda Curta" comezará mañá a súa andaina na TVG arredor das 00.30 h, a continuación de "Planeta Cine".