A TVG estrea este sábado 'Ciencianosa', un espazo de contido cultural e científico que aposta polo I+D

Actualizado: jueves, 29 junio 2006 23:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia (TVG) estrea este sábado o seu novo programa 'Ciencianosa', co que pretende abrir un espazo televisivo de divulgación científica pensado para todos os públicos, partindo da explicación científica que se atopa detrás dos feitos de cada día.

Así, 'Ciencianosa' buscará respostas entre os investigadores científicos galegos a preguntas básicas como cantos anos poden vivir os seres humanos, como vai ser o clima de Galicia co cambio climático, por que voan os avións ou en que se fixan as mulleres dos homes e os homes das mulleres.

No desenvolvemento dos contidos deste novo espazo participan María Solar na redacción, Jorge Mira coma asesor científico e Xosé Durán coma director. O programa, de media hora de duración, está estruturado en cinco seccións, dúas baseadas en reportaxes científicas da ciencia galega --novas tecnoloxías, medio ambiente ou saúde--; e outra que recolle as curiosidades científicas; un experimento ou pregunta básica de ciencia e unha sección na que se recolle o labor dun investigador radicado en Galicia.

Gravado en decorado virtual, cada programa combina os efectos gráficos cos multimedia, buscando a divulgación social e o servizo público, e constitúe unha aposta novidosa para as tardes do sábado.