A TVG inicia a final de mes un percorrido pola gastronomía galega máis representantiva no programa 'Caravana de sabores'

Actualizado: lunes, 17 abril 2006 22:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Televisión de Galicia (TVG) inicia a finais de mes as emisións de 'Caravana de Sabores', o programa co que desenvolverá unha andaina gastronómica por toda a xeografía galega na que investigará os sabores máis representativos do país e que xa comezou cos traballos de produción.

No programa, unha caravana viaxará por toda a comunidade na procura das curiosidades gastronómicas de cada vila, para que se coñezan os pratos que os galegos elaboran a diario. Conducida por Susana Dans e Josito Porto, a iniciativa buscará nas vilas e cidades pratos tradicionais, representativos do sabor galego, para dar a coñecer o que se fai nas cociñas do país e dándolle á cociñada un toque de humor.

Os propios espectadores serán os que escriban a 'Caravana de Sabores' falando dun familiar ou amigo que fai un prato especial, con moito sabor galego. A caravana desprazarase ata a vila e o cociñeiro terá que elaborar o seu prato ou sobremesa ante as cámaras da TVG.

O primeiro programa gravarase en Vilagarcía de Arousa e, despois, a caravana viaxará por 13 vilas galegas. Nesta primeira tempada, gravaranse 65 programas que se emitirán de luns a venres en horario de tarde.