Unha xornada de formación de produtores galegos mostrará na Coruña as claves para vender as súas películas ao exterior

Actualizado: jueves, 8 junio 2006 22:37

Representantes de Filmax, Latido e Gemini Films e o axente Michel Ruben contarán as súas experiencias

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os produtores galegos coñecerán mañá as claves para vender as súas películas ao exterior no curso de posgrao sobre Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais, que organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia se celebrará mañá na facultade de Socioloxía da Coruña.

Esta será a primeira das dúas xornadas que organizaron para formar aos produtores galegos na venta e distribución de contidos audiovisuais no mercado internacional. Estas xornadas serán o prolegómeno do curso regrado de posgrao sobre ventas internacionais de cine e televisión que comezará en outubro.

O prazo de inscrición para todos aqueles produtores ou axentes audiovisuais que queiran especializarse neste campo está xa aberto. O CICA está organizado polo Máster en Produción e Xestión Audiovisual e o Consorcio Audiovisual de Galicia, como parte da súa estratexia para internacionalizar o audiovisual galego.

A xornada de mañá centrarase nas claves para a exportación de contidos cinematográficos, que supón o 70% do total das ventas de produtos audiovisuais en España. Aportarán a súa experiencia dúas empresas españolas que comercializan cine nacional por todo o mundo: Filmax, que se ocupou da venta de películas como Romasanta, ou máis recentemente Camarón, de gran éxito de taquilla, e Latido, referente na distribución de títulos de fala hispana, que levou El método e Machuca, entre outros, e algúns de produción galega, como Heroína ou Para que non me esquezas. Explicarán como traballa Filmax Entertainment, que distribúe tanto produtos propios como de outras compañías por máis de 50 países, Rafael Cabrera, director da División Internacional, e Vicente Canales, xefe de Ventas Internacionais. Por Latido, acudirá o seu director xeral e socio fundador, Massimo Saidel.

Tamén estarán presentes Juan Manuel Torres, executivo de Ventas Internacionais en Gemini Films, compañía creada polo prestixioso produtor portugués Paulo Branco e que lidera máis de 80 títulos de directores de culto como Manuel de Oliveira, Win Wenders ou Alain Tanner, e o axente Michel Ruben, que foi durante dez anos o responsable do departamento internacional de El Deseo, compañía de Agustín e Pedro Almodóvar.