A Vicepresidencia convida ao concello de Cambados a poñerse a traballar "en serio" polas mulleres

Actualizado: viernes, 10 marzo 2006 19:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Vicepresidencia da Xunta convidou hoxe ao Concello de Cambados a poñerse a traballar "en serio" polas mulleres da zona e lembroulle que os centros de mulleres -70 en toda Galicia- son de competencia municipal. Por iso, apuntou que se o de Cambados está pechado, é responsabilidade do concello e pediu que explique porqué o seu Centro de Información á Muller (CIM) é o único pechado de toda Galicia.

Nun comunicado, a Vicepresidencia sinalou que está traballando cos concellos galegos nas axudas que este ano se outorgarán a estes centros. "Pasarán de ser subvencións a converterse en convenios que se negociarán cos concellos e que establecerán novos criterios de reparto, atendendo non ás actividades que organicen exclusivamente, senón tamén ao número de mulleres ás que estes centros dan servizo", engadiu.

Neste senso, apuntou que o Concello de Cambados está informado deste cambio e instouno a que presente as súas propostas para o funcionamento do CIM "e se poña a traballar en serio polos dereitos das mulleres da zona, deixando de usar os seus problemas como unha ferramenta electoral".

Deste xeito, sinalou que as negociacións cos concellos para os convenios de colaboración coa rede de CIMs están "avanzadas en moitos deles", mesmo algúns "de forma exemplar" coma é o caso destes centros na Costa da Morte.